Estas condicións rexen para os grupos que desexen reservar o xantar ou a cea nas instalacións do Náutico de Castrelo. Enténdese por grupo todo aquel que teña 10 ou máis integrantes.

  1. O grupo designará unha persoa que terá o carácter de “contratante” co Náutico de Castrelo para as xestións da reserva e delimitar os servizos.
  2. Os prezos inclúen o IVE vixente.
  3. De darse o caso, a denominación “Bebida incluída” non é un servizo de barra libre. Inclúe unha bebida por persoa da seguinte listaxe: auga mineral, refresco, cervexa básica (Estrella Galicia, Mahou, caña ou clara), cervexa sen alcol (Estrella Galicia 0,0, SuperBock negra) ou viño DO Ribeiro Anciño (media botella por persoa).
  4. As bebidas serviranse ao inicio do convite. Cobraranse a maiores do prezo pactado as servidas con posterioridade e pedidos pola Contratante.
  5. Os primeiros platos irán ao centro para compartir, os segundos irán emplatados individualmente e as sobremesas ao centro (agás acordo distinto).
  6. Os menús non inclúen por defecto café, licores ou copas adicionais, agás indicación expresa.
  7. A partires de 1 000 € será obrigatorio aportar datos fiscais da Contratante para a emisión de factura. No caso de desexar facturas nominativas individualizadas deberá indicarse con antelación; serán remitidas por correo-e á Contratante. No día do convite entregaranse facturas simplificadas, unha por pagamento.
  8. A reserva para o grupo considerarase en firme tralo pagamento anticipado do 25% do prezo do menú, mínimo 15 días antes do evento. O resto abonarase no mesmo día da celebración en efectivo, tarxeta bancaria ou transferencia.
  9. No que atinxe aos pagamentos en efectivo terase en conta a limitación legal en vigor nese momento (2 500 euros a 1 de xaneiro de 2019).
  10. O horario contratado do inicio será respectado escrupulosamente. A esa hora tomarase nota das bebidas e a seguir serviranse os primeiros.
  11. Respectarase o horario de peche do servizo de cociña.
  12. Agás acordo en contra, deixarase ceibe a sala unha hora despois de servirse as sobremesas para que o persoal poida proceder á limpeza.
  13. Unha semana antes da data (ou luns anterior, se cadra en fin de semana) comunicarase: número comensais, hora inicio e alerxias . O mesmo día admitiranse variacións no número menores do 5%. O Náutico de Castrelo resérvase o dereito a cobrar todos os menús contratados que excedan esa cantidade de non sermos informados 48 horas antes.
  14. Desde o Náutico de Castrelo ofreceremos, nas nosas posibilidades, adaptación para alerxias alimentarias sen sobrecuste, avisando anticipadamente.
  15. Non se devolverán reservas de anulacións con menos de 48 horas.